Wednesday 08 de May de 2024

A Xunta Local de Seguridade de Brión crea unha Comisión de Coordinación Policial e acorda constituír unha Mesa Local contra a Violencia de Xénero


 

García destaca que “Brión é un lugar tranquilo, moi por debaixo da media de Galicia e España, pero ademais en 2018 descenderon as incidencias nun 46% e aumentaron nun 20% os casos resoltos”

O alcalde de Brión, José Luís García, e a subdelegada do Goberno, Pilar López-Rioboo, presidiron esta mañá a reunión da Xunta Local de Seguridade de Brión. Unha reunión na que se acordou a creación dunha Comisión de Coordinación Policial e a próxima constitución da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero.

José Luís García explica que esta Comisión de Coordinación Policial “non é máis que formalizar a moi boa coordinación que existe entre a Policía Local de Brión e as forzas e corpos de seguridade do Estado, que se reunirán cada dous meses”. Unha comisión que busca asegurar a coordinación operativa da Garda Civil e a Policía Nacional coa Policía Local e Protección Civil de Brión para garantir a execución das accións conxuntas previstas nos Plans de Seguridade e nos Plans Operativos que se adopten.

Violencia machista

Así mesmo, os asistentes comprometeron a constitución da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero onde, ademais das forzas de seguridade presentes na reunión de hoxe, tamén se sumarán persoal do Departamento de Servizos Sociais de Brión así como representantes dos centros educativos e do centro de saúde brionés.

En materia de loita contra a violencia machista, na reunión de hoxe acordouse tamén a adhesión de Brión ao protocolo de colaboración entre as forzas e corpos de seguridade do Estado e a Policía Local de Brión para a protección de vítimas da violencia doméstica e de xénero, impulsado pola Federación Española de Municipios e Provincias.

Menos delitos, máis resolucións

Finalmente, na reunión de hoxe analizouse a situación de seguridade que se vive no municipio. “Brión é un lugar moi tranquilo, que está moi por debaixo da media de Galicia e de España”, salienta José Luís García. Así, en 2017 rexistráronse un total de 13 delitos contra as persoas, que baixaron a 7 no 2018. “A isto hai que engadir que aumentou nun 20% o número de delitos esclarecidos”, apunta o alcalde brionés.

Na Xunta Local de Seguridade de Brión participaron esta mañá o alcalde de Brión, José Luís García, e a subdelegada do Goberno, Pilar López-Rioboo. Por parte municipal, asistiron: Marcos Delgado, xefe da Policía Local de Brión; Ismael Núñez, xefe de Protección Civil de Brión; José Pedro Cambón, concelleiro de Seguridade; e Victoria Varela, xefa do Departamento de Servizos Sociais.

Así mesmo, no encontro participaron Isabel Álvarez García, da Unidade contra a Violencia de Xénero da Subdelegación do Goberno; Luís López Dapena, sarxento do posto da Garda Civil en Brión; Luís Nicolás Arroyo Pérez, capitán xefe da Garda Civil de Santiago; Fernando Pedreira Lata, xefe operativo da Comandancia da Garda Civil; Juan M. Balebona Nieto, xefe do grupo de violencia intrafamiliar da Policía Autonómica.